Blogia

lorenzovarela

A súa obra

A SÚA OBRA.

Publicacións e antoloxías.- as primeiras creacións literarias de Xesús Lorenzo Varela aparecen vencelladas a distintas publicacións nas que colabora. Previas á aparición dos seus primeiros libros de poemas son as colaboracións publicadas na revista “PAN” durante a súa época como estudiante de Filosofía e Letras en Madrid. En 1935, e como resultado da súa conexión do grupo Poetas Andantes e Navegantes, xurde esta publicación na que colaboran tamén autores da talla de Rafael Dieste. Son os anos da República previos á Guerra Civil nos que Lorenzo Varela tamén exerce como crítico literario do xornal El Sol.
Xa en plena contienda militar, o poeta continúa desenvolvendo un intenso labor cultural que compaxina coa súa participación no frente. Daquela colabora en revistas como “Hora de España”, considerada a publicación de maior altura editada durante a guerra e fundada en Valencia en 1936, e tamén o fai de xeito ocasional para “Milicia popular. Diario del Quinto Regimiento de Milicias Populares”, “El Mono Azul. Hoja semanal de la Alianza de Intelectuales Antifascistas para la Defensa de la Cultura” xunto con Rafael Alberti, María Teresa León, Rafael Dieste ou José Bergamín, entre outros. En “El Mono Azul”, unha revista combativa, publica unha serie de poemas de gusto popular cunha orixe na tradición época medieval nos que canta ós heroes, humildes labregos e obreiro, e nos que se aprecian características xerais da poesía combativa republicana como a dignificación do traballo manual, a relación directa entre o home e as súas accións, á volta á terra, así como a elevación á categoría de heroes do labrego e do obreiro. Poesía que entronca directamente co seu labor como activista político a prol da República exercido a través de colectivos como a Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos sectores intelectuais comunistas desde xullo de 1936, cando se produce o alzamento militar de Franco que supón o inicio da Guerra Civil. Unha poesía que, ademáis, está presente en diversas antoloxías como “Poetas en la España leal” (preparada por “Hora de España” en 1937 co gallo do II Congreso Internacional de Escritores convocado pola Asociación Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, e na que os poemas de Lorenzo Varela comparten espacio cos de Antonio Machado, Alberti, Luis Cernuda, León Felipe ou Miguel Hernández, entre outros), ou “Homenaje de despedida a las Brigadas Internacionales” (publicada en 1938 e na que tamén se recollen creacións de Pablo Neruda).
A derrota dos republicanos na Guerra Civil supón o inicio do exilio para Xesús Lorenzo Varela que só abandonará uns meses antes da súa morte a finais dos anos 70 en que regresa a España en plena transición democrática e fuxindo, de novo, dunha situación de perigo polos acontecementos políticos de Arxentina neses anos. No que se refire á súa participación en publicacións cómpre destacar a creación da revista “Romance” na primeira parte do seu exilio en México (1940), a colaboración en “Taller” (publicación dirixida por Octavio Paz); a fundación –xa o exilio en Arxentina- das revistas “De mar a mar”, “Correo Literario” (1943-1945: nela Lorenzo Varela publica textos moi variados que van desde a crítica literario ata a tradución de poemas, pasando polos seus propios poemas como “Ofrenda a los franceses”); “Cabalgata” (fundada por Lorenzo Varela e Luis Seoane en 1946); colaboracións para o xornal “La Razón” (especialmente monografías e críticas) e a revista “Sur” (1942-1945), “Cuco-Rei” (editado en 1970 por Luis Seoane, onde Varela publica o poema “Cantiga nova que se chama cadea” adicado ao escritor Xosé Luis Méndez Ferrín que por entón estaba no cárcere).

Libros de poesía.- O arranque da publicación de libros de poemas sitúase a principios dos anos 40, coincidindo co inicio dos seus anos de exiliado:

- “Elegías españolas”, da editorial Guerra Literaria (novembro de 1940), é o primeiro poemario de Lorenzo Varela que se atopa por aquel entón xa incorporado á vida cultural mexicana (primeiro país de residencia do escritor no exilio). Ilustrado con debuxos do seu “camarada” o pintor tamén elixiado Miguel Prieto, este libro componse de tres elexías: “Elogio del llanto”, adicada ó poeta León Felipe e integrada por 33 liras nas que está moi presente a tradición poética española; “Primera elegía Muladar (Tribunal del Virgo)”, composta por liras con recurrentes alusións ó sexo e inspiradas por un comentario que fai o escritor José Domenchina sobre a noite de vodas coa súa dona, Ernestina Champourcín; e “Desagravio del vino tinto”, que –a dferencia das dúas anteriores que arrancaban cunha cita de Quevedo- se inicia cunha cita de Antonio Machado e na que vencella o viño ás experiencias vitais do pobo.

- “Torres de amor”.- é o segundo poemario de Lorenzo Varela –considerado o máis extenso en castelán e a súa consagración como poeta- publicado na Arxentina en 1942 no marco da colección Pomba da editorial Nova. Precedido dun limiar de Rafael Dieste, este libro inclúe ilustracións de Luis Seoane e contempla influencias das súas vivencias na Guerra Civil, así como dos clásicos españois e da xeración do 27. Un libro que tería continuidade nun novo volume que, sen embargo, Lorenzo Varela chegou a destruir. Despois dos poemas “Torres de amor” e “Así” que inician o libro, a estructura do poemario complétase con outros 65 poemas distribuidos en cinco partes: “Elogio del llanto y versos de viva ceniza” (con temas do desterro, a guerra e a derrota); “Espada de amor y canciones del novio y del soldado” (con presencia de temas amorosos e dunha Galicia vencellada polo autor á etapa da mocidade); “Desagravio del vino tinto y Poemas carnales” (rexurdir da temática amorosa e das alusións ó sexo xa presentes nas súas elexías); “Sonetos de la paloma, del cuervo y del ruiseñor” e “Sueños e desvelos”.

- “Catro poemas para catro grabados”.- publicado en Arxentina en 1944, é a primeira obra galega de Lorenzo Varela, incluida no álbum de litrografías “María Pita e tres retratos medievales” de Luis Seoane, pero que conta cunha segunda edición en 1951 acompañada dunha tradución inglesa e da música do compositor Julián Bautista. Este libro enmárcase nunha corrente de recuperación da poesía civil, con poemas de temas históricos, con forte carga mitolóxica e un espíritu combativo e de resistencia nas súas catro pezas: “María Pita”, “María Balteira”, “A Ruy Xordo” e “O touro”.
- “Lonxe”.- publicado en 1954, considérase o grande libro da poesía galega de Lorenzo Varela no exilio. As referencias ós guerrilleiros galegos loitadores contra o franquismo dos anos 40 e a evocación da Terra desde o exilio constitúen as principias liñas temáticas deste libro.
- “Poesía” e “Homaxes”.- volumes póstumos que recollen o groso da súa obra poética recollida polos seus amigos (1979).

Poemas: ademáis dalgúns poemas soltos dos seus anos de mocidade e previos ó exilio, como “Éramos tres irmáns”, a partir dos anos 60 e ata o seu falecemento en 1978, Xesús Lorenzo Varela mantén colaboracións nalgunhas publicacións da época e continúa escribindo ensayos e poesías. Exemplos dos poemas desta última etapa son:
- “Homenaje a Picasso” (1963), acompañaba unha carpeta de gravados de Romberg.
- Soneto adicado a Castelao e publicado no libro “Castelao na voz dos poetas” (1970).
- “Homenaxe cativo a Valentín Paz-Andrade”, escrito xa de volta en España, láiase da incomprensión e do esquecemento cara a súa persoa.
- Poema desgarrador de radical desacougo (1978), é o último que se conserva deste autor.

Traducións e ensaios.-
- Na revista “Correo Literario” figura a tradución de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño.
- Edita en 1943 o estudio “Actualidad de la obra crítica de Baudelaire”.
- Monografías como “Murillo”, “Seoane”, o escultor arxentino Luis Falcini (1954)…
- Publica o ensaio “El Renacimiento” na editorial Atlántida.
- Ensaio: “Seoane o el arte sometido a la libertad” (1966).
- Participa no volume “Galicia Hoy” (1966), editado por Ruedo Ibérico de París, denunciando a situación de Galicia no franquismo. Lorenzo Varela inclúe varios poemas xa publicados nos seus libros, pero tamén ofrece o inédito “Emigrantes” criticando a marcha da poboación fomentada pola dictadura.
- Ensaio sobre a obra pictórica de Salvador Dalí (1973).

O pensamento

O PENASAMENTO DE LORENZO VARELA.

Ignórase como recibirían os gobernantes de Galicia a proposición de Lorenzo Varela para protagonizar o DLG do 2005. Jesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, entre outros nomes que posúe, nacido nun barco camiño de Cuba en 1916, é como un símbolo das esquerdas e, desde logo, un dos emblemas da Galicia emigrada. Militante das filas republicanas, con 21 anos será un dos máis mozos comisarios de guerra da República. Trala derrota, escapará a México primeiro e a Bos Aires despois. En Bos Aires forma parte do núcleo de exiliados dos que formaban parte tamén Luís Seoane, Rafael Dieste, Otero Espasandín e Arturo Cuadrado. O labor desenvolvido por estes transterrados foi enorme en xornais e revistas durante máis de trinta anos.
É precisamente na Arxentina onde Lorenzo Varela publica a súa obra. Varios poemarios entre os que figuran, esencialmente, 'Torres de amor', 1942, e 'Lonxe', 1954. Lorenzo Varela retornará a España en 1975. Morrerá en Madrid, no maior silencio, o 25 de novembro de 1978. Dous anos despois, Edicións do Castro publicou 'Homaxes', unha recompilación de poemas, e 'Poesía', un volume que contén 'Torres de amor', 'Catro poemas pra catro gravados', 'Lonxe' e 'Homenaje a Picasso'. A obra lírica de Lorenzo Varela, desde as Mocedades Galeguistas —xunto a Ramón Piñeiro— e a participación nas Misións Pedagóxicas e no PAN, Poetas Andantes y Navegantes, en 1935.
Lorenzo Varela é un poeta extraordinario a quen a RAG dedica o DLG do 2005. Hai quen compara os seus poemas cos de Miguel Hernández e Rafael Alberti. Unha esaxeración. Seis son os grandes temas da súa lírica: a xustiza, a liberdade, o amor humano, a forza da vida, a terra nutricia e a beleza natural. Tampouco descoñecía as cantigas medievais e as tendencias neopoularista e gongorinas da Generación de 1927. Unha das cismas de Lorenzo Varela foi a emigración. A emigración como humillación e como penuria económica. Participaba da tese de Ramón Valenzuela, compañeiro de militancia e de desterro: 'Galicia foi asoballada, económica e culturalmente, polos propios galegos'. Parece axeitado aquel romanciño de doce versos de Lorenzo Varela que comeza: "Nun galiñeiro de Europa, / Galicia, tes o teu lar''... A poesía completa de Lorenzo Varela, tanto en castelán como en galego, foi publicada no 2000 por Edicións do Castro, na 'Biblioteca do Exilio', con notas e comentarios de Xosé Luís Axeitos. Destacan os 'Catro poemas pra catro gravados', 1944 —María Pita, María Balteira, A Rui Xordo, O touro— nos que se apunta xa a súa dimensión. Pero onde Lorenzo Varela logra cotas dignas é en 'Lonxe', 1954, dedicado a Maruxa e Luís Seoane: "Se se olla para fóra, o mundo, se pra dentro, Galiza''.
Abraian gratamente os valores poéticos de Lorenzo Varela. Eis por que está xustificada a decisión da RAG de o rememorar en 2005, aínda que fose unicamente pola lírica. Polos brados tristes da pregunta eterna 'quen son eu'. Polos compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados. Vivamente impresionan os poemas a Castelao. O soneto que comeza: 'Cando cheguen os tempos non chegados'. A elexía: "Irmán, / olla por nós. / Dende o vento do alén, / olla por nós, irmán''... A cantiga nova que se chama cadea, enviada a Méndez Ferrín: "Esta é a cantiga nova que se chama cadea, /pois xa non hai ribeiras prás cantigas de amor''... O 'Cristo da Liberdade', variante do 'Cristo dos Traballadores'. Acaso resulte oportunísimo invocar o pensamento de Lorenzo Varela que se condensa así: "Unha parte do pasado, o pasado inmediato, foi fértil en sanguentas discordias. Non deixemos que o sangue vertido nelas nos cegue os ollos a canto nos une a todos no pasado total, no presente esperanzado, no futuro que só xuntos podemos construír. Ese sangue só será creador, non terá sido inútil, só se se converte en luz, se fai que a pólvora vella se transforme en palabras renovadoras, se se cobren de trigo as trincheiras e as maldicións son enterradas polo diálogo''. Un galego que se expresa así, tendo tantos motivos para o rancor e a rabia, ben merece cando menos un DLG. Mesmo que sexa coa malquerencia de certos organismos oficiais."

Poemas

Eramos tres irmáns

(A XX. que dábamos por morto na forca franquista, i-a outra noite déronme novas d’il, vivo e loitando por Galicia i España)

Éramos tres irmáns,
mariñeiros os tres, cada un no seu mar.
Tiñamos a mesma pel de péxegos novos,
cada un dos tres no seu albre lixeiro,
a navegar pol-as augas do tempo.
Mais fixemos un barco de carballo e piñeiro,
e cada un deixou a sua estrela nas gavias,
para non ter máis que un mar, un barco, un ceo.

Eu era o capitán, t eral-o santo,
i-o outro irmán maior era o todo d’abordo,
tolo de terra leda e de lus e d’orvallo

Queimou o barco o demo:
do tolo nada sei,
a ti como eras santo non te rachou o vento,
i-eu lonxe, lonxe, lonxe,
ardendo eiquí, no inferno.
Reza por min, amigo, e pol-o noso irmán,
¿aquel cervo ferido, pacerá no seu lar?

¡Ay, miña carballeira!
¡Ay, meu piñeiral!
¡Miñas estrelas verdes
de pastor n’outra mar!
Cando saia do inferno,
¿saberei navegar?
¿Dirasme ti, irmao santo da miña mocedade,
como fan os madeiros para se ter sobre o mar?

¡Vinde chousas sagradas,
carballeiras de meus pais,
agárdovos nestas praias
para min sin terra e sin mar!

(Poema recollido na obra póstuma “Homaxes”)



Emigrantes

“Tres millones de españoles viven lejos de
la patria. Muchos de ellos en gallineros
europeos”.

Centos, miles de galegos
foron a buscar o pan,
fóra, lonxe de Galicia,
que perto xa non o hai;
que toda a fariña nosa
non se sabe para quen vai.
Centos, miles de galegos
empuxados a emigrar,
hoxe viven coas galiñas
porque outra casa non hai
en París, Xenebra, Hamburgo,
en ningunha capital.
Nun galiñeiro de Europa,
Galicia, tes o teu Lar.
¡Poñamos un galiñeiro
na bandeira de Breogán!
Son boa xente as galiñas,
mellor que moitos irmáns:
súa merda é menos merda
se vos poñedes a pensar.
E sendo veciños delas
poderannos crecer ás.
Tataranetos de condes
¿saberán tatarear
sobor dun pau europeo
os fillos de Breogán?
¿Saberán cacarear
estes galegos de hoxe,
botados por seus irmáns
os banqueiros e almirantes,
os xuíces e os capitáns?
¡A Patria éche un galiñeiro,
en terra allea, pra máis!
¡E mellor que ser galego
ser porco, cabalo ou can!
Nun galiñeiro de Europa
Galicia, tes o teu Lar.
¡Poñamos un galiñeiro
na bandeira de Breogán!
E cada Casa Ilustre
de Galicia, de hoxe en máis,
poña merda de galiña
no seu brasón galiñán.
Mais ouvide ben o galo,
señoritos galiñáns:
un día ou outro, moi cedo,
¡outro galo cantará!

(Poema publicado no primeiro e único número de Cuco-Rei, Buenos Aires, 1970, e recollido posteriormente en “Homaxes” –libro póstumo-).

Cantiga nova que se chama cadea

A Xosé Luís Méndez Ferrín, na gaiola.

Esta é a cantiga nova que se chama cadea,
pois xa non hai ribeiras pras cantigas de amor.

Están os corazós nas cárceres, meu bén,
encadeados beizos,
ollos encadeados,
as longas cordas do terror abranguen
feixes de labradores, mariñeiros, xograres,
estudantes, obreiros, artesáns,
cregos do Papa Xoan,
rapazas que procraman a alborada do mundo.
Anda en canles de aceiro a sangue dos
irmáns,
e polos catro cantos, amurada,
asoballada, cuspida,
esnaquizada,
a libertade.
A libertade, amor, a libertade,
ise verdor perene que nin na morte morre.

Esta é a cantiga nova que se chama prisión,
meu bén, meu doce bén,
meu amor.
Bulen fanadas maos riscando as pedras,
garaballando un nome de muller,
un nome de montaña,
un nome de veleiro,
o nome dun menino non nascido,
unha data,
unha cruz,
unha pomba en cadea que se chama Galicia.

- Amor, amor, amor,
¿onde vas, meu amor?
- Vou pra cadea.
- De ónde vés, meu amor?
- Amor meu, meu amor, veño vindo
de penar na cadea.
Pras miñas cadeas vou,
das miñas cadeas veño;
eslabón por eslabón,
xa máis que home son ferro.
Meu amor, meu doce amor:
máis que corazón espada,
pólvora máis do que beixos,
mais pólvora namorada.

Esta é, meu amor, a cantiga,
cantiga nova que se chama cadea,
nas cárceres de España, sentenciada,
a cantiga está presa.
Meu amor, meus amigos, si queredes
visitar a canción,
berrade xunto aos muros
e petade nas portas do penal:
un aturuxo esposado
un alalá de xionllos,
unha anduriña na forca,
unha fasciana no pozo.
Somentes anda libre
a morte,
mais ninguén.

Friaxe nas pedras.
Nas pedras do chao,
nas pedras das paredes,
nas pedras do teito,
e fora, nas pedras que teñen os ollos dos que agardan.

Friaxe, tamén,
na cantaría do esquelete
e no latexar do pulso
dos que moran adentro do penal.
- O que non saben os gaioleiros
é que esta friaxe quenta
con acelmoso agarimo,
con frebe de namorada.
Porque a pedra é miña amante
e tén as coxas ardentes
de esperanza.
Friaxe da cadea:
fogueira do porvir,
lume da libertade,
leite morna da pedra, miña amante.

Velahí, que alí vai,
pola cadea abaixo vai
un home de pé.
Velahí que alí vai,
pola cadea arriba vai,
un home de pé.
¡Quén o poidera librar!
Pola cárcere arriba vai
un home de pé.
¡Quén o poidera sacar!
Pola gaiola arriba vai
un home de pé.
Pola gaiola abaixo vai
un home de pé.
¡Quen o poidera desengaiolar!
Pedras arriba polas rellas vai,
pedras abaixo polas rellas foi
un home de pé.
Corazón arriba vai,
corazón abaixo foi,
de pé,
un home.
Iba cantando
unha cantiga nova
que se chama
cadea:
¡Carcereiros, carcereiros,
qué encarcerados estades!
¡Vos non tedes amante, carcereiros,
vos non tedes a pedra de amar!
Muralla teño por noiva,
candado por romería,
porta de ferro trancada
por consolo e compañía.
Baixo sete chaves, baixo,
sete muros de castigo,
crezo tanto, miña dona,
cas nubes andan conmigo.
O que sofre na cadea
ha de ter a mán lixeira,
pra peneiras a esperanza
sin abalar a peneira.
Votei un cantiño a rolos
da miña porta pra túa.
A miña estaba tapeada:
acho de levar a lúa.

Esta é, meu amor, a cantiga,
cantiga nova que se chama cadea.
É unha cantiga que fende os penedos,
acouga os trebós,
mura os amoleceres,
funga nas venas dos loitadores,
é o berce dos orfos
e puxa nas íngolas dos carballos.
Canta, meu amor, canta,
a cantiga nova que se chama cadea.
Lémbrate do que está escrito nos cruceiros:
cada intre que pasa é unha camba
sementada de abrentes:
xa chegarán as diadas da sega,
xa veñen as diadas do amor,
das estreladas festas,
das derrubadas portas da cadea.
Os días da cantiga liberada,
da cantiga nova
que se chama
folía.

(Poema publicado no primeiro e único número de Cuco-Rei, Buenos Aires, 1970, e recollido posteriormente en “Homaxes” –libro póstumo-).

Biografía

Biografía

XESÚS LORENZO VARELA (LA HABANA, 1916 - MADRID 1978)

Paradigma de fillo de emigrantes, o nacemento de Xesús Lorenzo Varela está directamente vencellado ó fenómeno da emigración galega, xa que ven ó mundo no barco “La Navarre” que transportaba á súa familia desde Monterroro (Lugo) á Habana (Cuba). Era o 10 de agosto de 1916 cando Xosé Ramón Varela García, natural da parroquia de Fufín, e Perpetua Vázquez Ojea, de Lodoso, chegaban a Cuba co seu fillo recén nado á illa na que permanecen ata 1920 en que se trasladan a Buenos Aires (Arxentina).

No barrio de Nueva Pompeya transcorren os primeiros tempos da infancia de Lorenzo Varela que aínda neno regresa ó entorno rural de Monterroso que alterna con viaxes a Arxentina, para acabar instalándose en Lugo nos primeiros anos 30 para estudiar o Bacharelato. Son os anos de proclamación da República que espertan as inquedanzas políticas deste mozo que se achega ó ideario nacionalista durante un acto que celebra o Partido Galeguista o 22 de marzo de 1932 no Teatro Principal de Lugo coa asistencia de Castelao e Valentín Paz Andrade, entre outros. Contacto que o leva a participar da fundación o 11 de xaneiro de 1933 das Mocidades Galeguistas de Lugo con Ramón Piñeiro e outros compañeiros como Fernández del Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro ou Carvalho Calero. En Lugo tamén toma contacto e entabla amizade con Ánxel Fole que por entón editaba a revista esquerdista “Yunque”, e serán uns anos que marquen profundamente algunhas das súas creacións poéticas posteriores (poemas como ‘”Éramos tres irmáns” adicado á súa amizade con Fole e Ramón Piñeiro, ou “Lugo” adicado á cidade da súa xuventude e despertar político, o corroboran).
Na década dos 30 (1934) Xesús Lorenzo Varela abandona a cidade das murallas para estudiar Filosofía e Letras en Madrid onde contacta co gupo PAN (Poetas Andantes y Navegantes) que xurde do diálogo continuo dun grupo de amigos no café La Granja del Henar, e no que participan Rafael Dieste e Xosé Otero Espasandín. Este último chega a dirixir a revista literaria “Pan” creada en 1935, patrocinada polo irmán de Rafael Dieste, daquela cónsul de Uruguay e aglutinadora de colaboradores cos que Xesús Lorenzo Varela protaniza as Misións Pedagóxicas: considerada unha das páxinas máis brilantes da cultura republicana, este proxecto de dinamización cultural enmárcase nas reformas educativas da II República e o seu principal obxectivo era levar a cultura de xeito lúdico ós recunchos máis afastados dos centros culturais e educativos, tratanto ó tempo de dignifica-los valores da cultura tradicional rural
Esta etapa na biografía de Xesús Lorenzo interrómpese en 1936 co comezo da Guerra Civil española (1936-1939) na que ten unha participación activa, tanto no frente de loita como no ámbito cultural a favor da causa republicana. Logo de participar na constitución da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura (creada en 1936 por personases como Rafael Dieste, José Bergamín, Rafael Alberti, Antonio Machado ou Federico García Lorca), e de ver condicionado o seu labor xornalístico que por aquel entón centraba as súas actividades creativas, Lorenzo Varela reacciona enrolándose como voluntario para loitar na fronte donde, desde comisario político, pasou a comandar unha brigada da 11 división e a afiliarse ó Partido Comunista.
Labor de combate e loita política que compaxina co xornalismo xa que escribe e dirixe distintas publicacións destinados á tropa en combate, como “El Mono azul” e “Hora de España”, e participa tamén nos volumes colectivos “Poetas en la España Leal” (1937) e “Homenaje de despedida a las Brigadas Internacionales” (1938).
Por estes anos (xullo de 1937) celébrase en Valencia o Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascistas., que se convertiu no máis importante da historia contemporánea pola asistencia de algúns dos escritores da época como Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Ernest Hemingway, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz, André Malraux, Lois Aragón, etc.
Un novo xiro na vida de Lorenzo Varela o marca o final da contienda civil. Logo de permanecer no campo de concentración de Saint Cyprien (en Francia), consigue embarcar en maio de 1939 rumbo ao exilio en México. De novo o mar de por medio marcan dous dos fenómenos máis importantes da historia española do século XX e da vida de Xesús Lorenzo: a emigración (a pegada atópase no seu nacemento chegando á Habana cos seus pais como emigrantes) e o exilio (derivado da súa actividade política e ós seus ideais a prol da República).
En Veracruz agárdano amigos como León Felipe, José Bergamín e Miguel Prieto que o axudan a retorma-la súa actividade literaria e xornalística chegando a co-dirixir as revistas “Romance” e “Taller”, entablando novas amistades como a de Octavio Paz que o integran na vida cultural mexicana. Unha vitalidade que lle leva a escribir o seu primeiro poemario individual: “Elegías españolas” (Editorial Guerra Literaria, 1940).
Esta primeira etapa no exilio remata en 1941 cando, tras unha breve estadía en Cuba , decide trasladarse de México a Arxentina onde reside seu pai (súa nai falece en 1944) e onde se atopa con vellos amigos da súa etapa madrileña como Rafael Dieste, e con outros galegos como Luis Seoane. O xornalismo e a tradución centran a súa actividade en Buenos Aires onde comeza unha intensa actividade intelectual permanecendo fiel ós seus ideais políticos. Neste ambiente publica en 1942 –e non exento de dificultades- “Torres de amor”, o seu máis extenso poemario en castelán escrito antes da súa chegada a Arxentina, e que conta cun limiar de Dieste e ilustracións de Seoane. Pero 1942 tamén se convirte nun ano clave na vida e obra de Xesús Lorenzo Varela pola súa participación na fundación da revista “De mar a mar”: unha publicación literaria na que se inclúe a poesía, a prosa ou a plástica. Trala desparición desta revista codirixe a quincenal “Correo Literario” (1943-1945) na que publica sete poemas en castelán e numerosos artigos, ás veces asinados co seu propio nome ou baixo o pseudónimo de Felipe Arcos Ruíz. Dos anos 40 son as tertulias no Café Tortoni onde entabla relación con outros intelectuais exiliados.

Na súa faceta de tradutor figuran traballos como a tradución de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño, e traducións do portugués ao castelán como"Doña Flor y sus dos maridos" do escritor brasileiro Jorge Amado. Mentras, como creador literario cómpre reseñar “Ofrenda a los franceses”, sendo tamén un excelente crítico de arte e sen deixar de lado un dos fitos máis importantes do seu labor creativo: a publicación da súa primeira obra galega, “Catro poemas para catro grabados”, incluidos no álbum de litografías de Luis Seoane “María Pita e tres retratos medievales”. Corría o ano 1944, o mesmo do falecemento da súa nai, e case dez anos despois, en 1951, faise unha segunda edición destes poemas acompañados dunha tradución inglesa de William Sand, e da música do compositor Julián Bautista.
Lorenzo Varela compaxinaría durante estes anos a poesía con outras actividades creativas , con ensaios e xornalismo. Ademáis de codirixir con Luis Seoane entre xuño de 1946 e xullo de 1948 (logo da desaparición de “Correo Literario”) unha nova publicación: “Cabalgata”, e de colaborar nos xornais e revistas máis importantes de Arxentina (“Clarín", "El Mundo", "La Nación", "El Hogar", "Del Arte", "Sur", "Primera Plana"…), exerce o xornalismo radiofónico a través do programa “Hora Once” co fotógrafo Horacio Cóppola.
A súa militancia política tampouco quedará afastada da súa vida e desde a súa chegada a Bos Aires ao porteño barrio de Nueva Pompeya, Lorenzo Varela incorpórase á militancia política. Coa división do Partido Comunista de España en distintos sectores enfrontados, Lorenzo Varela toma a decisión de se distanciar desas liortas e comeza a militar no Partido Comunista Arxentino colaborando na Frente Cultural.
Pero será a vida sentimental de Xesús Lorenzo a que marque o tránsito dos anos 40 ós 50, xa que entre 1947 e 1952 reside en Montevideo onde entabla unha relación sentimental coa escritora Estela Canto que non chega a fructificar polo que decide regresar a Arxentina onde continúa coa poesía publicando “Lonxe”, en 1954Nesta década empezan a aparecer en Galicia algúns dos seus poemas que se publican en revistas da Galicia da posguerra (no número 11 de “Alba” aparece o poema “María Balteira”), e que Francisco Fernández del Riego inclúe na súa “Escolma da poesía galega IV. Os contemporáneos” , de 1955. Un ano no que Xesús Lorenzo coñece en Buenos Aires a Isaac Díaz Pardo do que se fará amigo e colaborador ata o seu falecemento.
E de novo a súa vida sentimental cobra protagonismo no paso dos 50 ós 60 xa que decide finalmente casar con Marika Gerstein –unha profesora de idiomas viúva e moi culta- en 1960. Con ela ten tres fillos –Hugo, Ariel e Fernando-, e con ela mantén as interesantes reunións que se celebraban na súa residencia con personaxes como León Felipe, Luis Cernuda, Rafael Alberti, Alberto Closas ou Ernesto Sábato. Os anos 60 son tamén importantes porque regresa por 15 días a España empregando unha licencia do xornal “La Razón” no que colabora e para comprobar as posibilidades reais dun retorno definitivo. Volta que non se produce, a pesar de que algúns dos seus amigos (Dieste, Seoane ou Díaz Pardo) sí deciden retornar. Esta década queda marcada por un descenso na producción poética de Xesús Lorenzo do que cómpre destacar a publicación en 1963 do poema “Homenaje a Picasso”, e do ensaio “Seoane o el arte sometido a la libertad”, de 1966, como signo do que será a súa actividade a partir dentón: atención ós compromisos dos amigos que espallan en libros e álbums boa parte da súa creación final.

Así se desenvolven as publicacións do poema “Cantiga nova que se chama cadea”, en 1970 (adicado a Xosé Luis Méndez Ferrín, entón encarcelado, e aparecido no primeiro e único número da revista “Cuco-Rei” editada por Seoane) ou o ensaio adicado á obra pictórica de Salvador Dalí (1971).
O tan ansiado regreso prodúcese en plena transición política española, acelerado pola situación política que se vivía en Arxentina (represión do dictador Videla tralo golpe de estado) e logo dunha viaxe por Europa: entre 1976 e a súa morte vive entre Galicia e Madrid matinando novos proxectos culturais pero nun ambiente de indiferencia e menosprecio cara a súa persoa. Só Xesús Alonso Montero e Ánxel Fole saúdan o seu regreso, e únicamente Díaz Pardo recolle o testigo dalgunha das súas iniciativas como a posta en marcha do Instituto Galego de Información que Lorenzo Varela concebía como instrumento de comunicación e recuperación da moderna historia de Galicia. A Galería Sargadelos de Madrid sería o seu refuxio: alí adicábase ás traducións e lembraba Arxentina.
Coa saúde debilitada, e véndose reducida a súa creación literaria a esporádicas colaboracións como os prólogos de libros de Paz-Andrade e Manuel Lueiro, Xesús Lorenzo Varela chega ó fin dos seus días sumido na soedade. Falece en Madrid o 25 de novembro de 1978, e os seus restos mortais son trasladados ó camposanto de San Martiño de Fufín, en Monterroso (Lugo), no ano 1981.

Bienvenido al weblog lorenzovarela

Ya tienes weblog. Para empezar a publicar artículos y administrar tu nueva bitácora busca el enlace administrar abajo en esta misma página.
Deberás introducir tu email y contraseña para poder acceder.

En el menú que aparecerá arriba podrás: ver la página inicial (Inicio); escribir y publicar un artículo nuevo; modificar las preferencias de la bitácora, por ejemplo: los colores; Salir del weblog para desconectar de forma segura y ver la portada tal y como la verían tus visitantes.

Puedes eliminar este artículo (entra en modificar > botón eliminar). ¡Que lo disfrutes!